 |
CONVOCATORIA DE AXUDAS A INICIATIVAS SOCIAIS 2008
PARA PERSOAS CON ENFERMIDADE MENTAL
A Fundación Pedro Barrié de la Maza destina no 2008 a súa convocatoria anual de axudas a iniciativas sociais, dotada este ano con 400.0000 euros, a entidades sociais privadas e sen ánimo de lucro que leven a cabo en Galicia proxectos ou programas de actividades ou de infraestruturas destinados a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade ou algún tipo de trastorno mental, e a das súas familias.
Non poderán concorrer a esta convocatoria aqueles programas destinados a persoas con problemas de demencia ou trastornos cerebrais asociados á idade, por ter disposto dunha convocatoria específica no 2006. Tampouco se poderán presentar persoas de xeito individual. Neste mesmo ámbito de acción, a Fundación Pedro Barrié de la Maza conta, en colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, cun programa de apoio social para familias con persoas con dependencia (información verbo deste programa no teléfono 900 333 666).
Requisitos
Das entidades solicitantes:
- Ter consideración de entidade social privada, legalmente constituída e inscrita no rexistro que corresponda.
- Reflectir nos seus estatutos a súa consideración de entidade sen ánimo de lucro e ter entre os seus obxectivos a atención a persoas con enfermidade mental e/ou as súas familias.
- Dispor de infraestrutura para a xestión do proxecto que garanta a súa viabilidade.
- Só se admitirá unha solicitude por entidade.
Dos proxectos:
- Deberán facilitar a integración do colectivo obxecto da convocatoria mediante a realización de actividades ou o desenvolvemento de recursos que anden á procura de resolver ou paliar os problemas sociais derivados da enfermidade mental.
- Terán prioridade aqueles programas que cubran carencias importantes no ámbito social da enfermidade mental, como é o caso dos menores afectados ou en risco, os que viven no medio rural, os que padecen ademais unha discapacidade ou sofren outros problemas como drogadicción, internamento en centros penais, etc.
- Han de desenvolverse en Galicia e ter viabilidade económica e de xestión.
- Deberanse poder identificar como un proxecto específico (non se poderá solicitar axuda para a actividade xeral ou mantemento da asociación).
- Non poderán estar xa rematados no momento da concesión (xuño 2008).
- Non se atenderán solicitudes para a realización de publicacións, estudos, campañas de sensibilización ou difusión, congresos, seminarios, xornadas, etc.
Valorarase:
- A experiencia da entidade no desenvolvemento de proxectos sociais con persoas afectadas por enfermidade mental.
- Que non existan recursos semellantes no seu ámbito xeográfico.
Documentación:
- Impreso de solicitude segundo modelo específico que se pode obter na páxina web www.fbarrie.org, retirar en persoa nas sedes da Fundación, ou solicitar por teléfono, fax, correo postal ou electrónico.
- Memoria ou resumo de actividades do ano 2007, con inclusión da conta de ingresos e gastos e información verbo da composición do padroado e xunta directiva.
- Copia dos estatutos onde figuren os seus obxectivos e o seu recoñecemento legal como entidade sen ánimo de lucro.
- Fotocopia do CIF da entidade.
Aportación da Fundación:
A contribución da Fundación para cada proxecto ascenderá ata un máximo de 60.000 euros. Poderase conceder a totalidade ou parte da axuda solicitada. Neste último caso pedirase no momento da concesión a adaptación do proxecto á cantidade concedida ou a acreditación de financiamento complementaria para o resto.
Lugar e prazo de presentación:
- As solicitudes poderán entregarse persoalmente ou enviarse por correo postal á Fundación Pedro Barrié de la Maza:
Cantón Grande, 9. 15003 A Coruña
Policarpo Sanz, 31. 36202 Vigo
- Prazo 1 de febreiro - 31 de marzo de 2008..
Resolución
- A resolución da convocatoria terá lugar en xuño de 2008 e comunicaranse por escrito aos solicitantes tanto as concesións como as denegacións.
- A presentación a esta convocatoria presupón a aceptación das súas bases e da resolución adoptada, que será inapelable.
Información:
Fundación Pedro Barrié de la Maza
Cantón Grande, 9
15003 A Coruña
Tel: 981 22 15 25
Fax: 981 22 44 48
|
Policarpo Sanz, 31
36202 Vigo
Tel: 986 110 222
Fax: 986 110 225 |
info@fbarrie.org
|
|