Antecedentes Historicos


ANTECEDENTES HISTÓRICOS DO BANCO PASTOR

   A entidade bancaria ten a súa orixe na compañía de comercio instituída polo comerciante catalán Jaime Dalmau Batista en 1776. Desta primeira sociedade non se conserva a escritura de constitución -se é que se chegou a formalizar ante notario- sendo a primeira proba documental que se manexa o “Libro mayor de cargo y data” (A.H.B.P.1, sign. 27), onde se di textualmente: “Libro mayor de cargo y data del negocio de Don Jayme Dalmau, formado hoy día 9 del mes de marzo del año 1776, que fue la separación de su Compañía con Don. Francisco Gual y Cata, como se ve de los avances y papeles pertenecientes, a lo referido con fecha de este día”.

O seu fundador chegara a A Coruña en 1764, procedente de Canet de Mar (Barcelona), coma tantos outros negociantes cataláns (por exemplo, os Alsina, Canellas, Carbonell, Figueras, Gual Catá, Casalins, etc.) que se instalaron masivamente en portos e rías galegos e adicáronse á salgadura de sardiña e ó comercio en xeral. Nese mesmo ano formou “comercio y compañía de diferentes géneros” (A.H.P.C.2, Protocolo 5.516, fols. 19-20) co tamén canetense Francisco Gual Catá do que se separa en 1776 para establecerse baixo firma individual, como consta no encabezamento do citado “Libro de cargo y data”, adicándose ó comercio en xeral e ó negocio bancario. A sede da casa estaba no número 11 da rúa Real, en pleno barrio da Pescadería, asentamento do primitivo núcleo burgués, do que se fragou o despegue económico a partires do establecemento en A Coruña dos Correos Marítimos en 1764 e da liberalización do comercio cas colonias españolas de América ó promulgarse en 1778 o decreto de ampliación do comercio libre.

Dende a máis temperá idade comezaran a traballar con el os seus fillos Gaspar e José Dalmau Pasi e o seu sobriño José Dalmau Batista, dando mostras cumpridas de laboriosidade. A plena confianza que ten neles se plasma en 1791 cando ó ter que ausentarse da cidade, outórgalles poder cumprido.

Tralo falecemento do fundador en 1806, a compañía mercantil creada por el en 1776 experimenta un reaxuste, formalizado na escritura de constitución da compañía de comercio que sucede á anterior e que xirará baixo a denominación de “Jayme Dalmau y Cía.” (A.H.P.C., Protocolo 6.770, fols. 19-20, 1807). Son os seus socios e directores o seu fillo José Dalmau Pasi e oseu sobriño José Dalmau Batista.

O 12 de agosto de 1819 prodúcese un feito relevante na marcha da compañía: a entrada na sociedade do novo socio, o canetense afincado en A Coruña dende 1812, José Pastor Taxonera, quen a partir de entón levará todo o peso dos negocios (A.R.G.3, P. Sánchez, leg. 2.254, fols. 156-158, 1819).

En 1826 iníciase unha nova etapa caracterizada polo troco de socios e de razón social. Son agora os socios os irmáns Ramón e Silvestre Dalmau e José Pastor Taxonera pasando a chamarse “Dalmau y Pastor”, sendo este último o director da compañía.

En 1845 José Pastor decide, tendo chegado a un acordo cos seus socios, facerse el so cargo da compañía, baixo a razón social “José Pastor” (“Libro Diario de la casa de comercio bajo la razón de José Pastor establecida en esta ciudad de la Coruña”, A.H.B.P. sign. 82).

O 16 de xuño de 1853 falece José Pastor Taxonera e pasa a ocuparse da casa o seu fillo maior, Juan Ventura Pastor Galcerán (froito do seu primeiro matrimonio). Os seus outros fillos, José e Francisco Pastor y Horta estaban en Cuba traballando na casa de comercio do seu tío Nicolás Galcerán. En 1858 regresan a A Coruña e tres anos máis tarde incorpóranse á compañía do seu medio irmán Juan Ventura, pasando agora a chamarse a sociedade “Pastor Hermanos”. A escritura de constitución foi outorgada o 17 de decembro de 1860 diante do notario Manuel Antonio Lodeiro.

Falecidos Francisco e Juan Ventura, queda como único socio sobrevivente José Pastor y Horta. Con el traballa o seu sobriño Pedro Barrié y Pastor4 (fillo da súa irmá Gertrudis Pastor y Horta) ó que outorga poder cumprido. En 1868 incorpórase como socio o seu sobriño trocando a razón social pola de “José Pastor y Cª”, segundo consta na escritura outorgada o 28 de decembro de 1868 (A.H.P.C., Ruperto Suárez, nº 9.722, fols. 2.591-2.594. Pero ademais deles comparece ante notario outra persoa: a irmá de José Pastor e nai de Pedro Barrié, Gertrudis Pastor y Horta. Os tres conveñen en formar unha asociación mercantil regular colectiva, mais con admisión dun socio comanditario que non intervén na xestión e limítase a participar nas ganancias ou perdas. A dirección e administración estarán a cargo dos dous socios colectivos. Na escritura de renovación da sociedade de 1876, outorgada diante do notario coruñés Francisco Ramos Vázquez, xa non figura Gertrudis Pastor como socia comanditaria, sendo José Pastor e o seu sobriño Pedro Barrié socios capitalistas e colectivos, ademais de estaren ámbolos dous a cargo da dirección e administración da firma, que continúa virando baixo a mesma razón social.

No 1877 falece José Pastor y Horta, deixando a súa casa de comercio como único e universal herdeiro ó seu sobriño Pedro Barrié y Pastor. Con data de 7 de xuño a firma coruñesa participa o falecemento do seu Xefe e que, estando previsto ese suceso na escritura social, non alterará a marcha mercantil da casa, que continuará baixo a mesma razón e co mesmo capital, conforme á última vontade do finado.

En 1888 Pedro Barrié y Pastor chama ó seu curmán Ricardo Rodríguez Pastor (fillo de Rosa Pastor y Horta) para que veña traballar con el e un ano despois cédelle o 7% do negocio, pasando a nomearse a sociedade “Sobrinos de José Pastor”. A escritura de constitución foi realizada diante do notario de A Coruña, José Asensio Centeno con data de 28 de decembro de 1889, (A.H.P.C., Protocolo nº 10.073, fols. 3.242-3.247). O 30 de decembro de 1899, diante do mesmo notario, renovan a sociedade (A.H.P.C., Protocolo nº 9.030, fols. 4.336-4.441). Ámbolos dous socios outorgan poder a Pedro Barrié de la Maza, fillo único varón de Pedro Barrié y Pastor, en 1913, o cal se incorpora como socio en 1915, ó regreso da súa formación financeira en Alemaña, Gran Bretaña e Francia.

En 1925 “Sobrinos de José Pastor” transfórmase en sociedade anónima ca denominación de Banco Pastor. Á fronte do Banco e como principais accionistas estaban como Presidente Ricardo Rodríguez Pastor, e Pedro Barrié de la Maza como Vicepresidente e Director Xeral, ademais de accionista maioritario ó ter sucedido ó seu pai, falecido en 1919. O seu pai, Pedro Barrié y Pastor, decidira, de acordo co novo Pedro, que Ricardo, que traballara estreitamente con el e que tiña 23 anos máis que o noviño banqueiro, fose o Presidente ata o seu retiro ou falecemento, para o cal lle cedería en documento privado as accións necesarias para que tivese a meirande parte. Do mesmo xeito se conviña que ó falecemento de Ricardo estas serían devoltas a Pedro Barrié de la Maza. Todo elo foi con escrupulosidade respectado.

Ó falecer Ricardo Rodríguez Pastor en 1939, Pedro Barrié de la Maza recompra as accións que lle cederan e que lle pertencían e accede ós máis altos cargos do Banco.

O 14 de marzo de 1971 falece Pedro Barrié de la Maza sucedéndolle na Presidencia a súa viúva, Carmela Arias y Díaz de Rábago. Despois de trinta anos de exercicio, o 27 de setembro de 2001, Carmela Arias deixa, por razóns de idade, a presidencia executiva do Banco, sendo designado como novo Presidente do Banco Pastor José María Arias Mosquera e Vicente Arias Mosquera vicepresidente do Baco Pastor e sacretario do padroado da Fundación. É, dende entón, Presidenta de Honor do Banco Pastor.

1 Arquivo Histórico Banco Pastor.
2 Arquivo Histórico de Protocolos do Colexio Notarial de A Coruña.
3 Arquivo do Reino de Galicia.
4 Ca aparición do apelido Barrié nesta historia é conveniente facer unha aclaración: o famoso comerciante francés Juan Francisco Barrié D´Abadie afincado en A Coruña dende 1792 non foi nin fundador, nin socio de ningunha das sociedades que deron orixe ó Banco Pastor, senón que el tivo as súas propias compañías, ben en solitario, ben cun socio francés. A relación familiar principiou en 1841 cando unha filla de José Pastor Taxonera, Gertrudis Pastor y Horta, casa con Pedro Barrié Marchesi, fillo de Juan Francisco Barrié. Esta unión non significou a unión das súas respectivas casas e, mentres a de “Dalmau y Pastor” seguirá con distintas denominacións ata a actualidade, a de Juan Francisco se liquidará en 1851. En 1868 incorpórase á sociedade mercantil de José Pastor y Horta -“José Pastor y Cª”- o seu sobriño Pedro Barrié y Pastor, fillo dos mencionados contraentes e futuro pai de Pedro Barrié de la Maza. O seu avó e o seu pai faleceran en 1854 e 1855, respectivamente. Pedro Barrié y Pastor será instituído polo seu tío como o seu único e universal herdeiro. Polo tanto, a historia de Juan Francisco Barrié D’ Abadie é outra ben distinta á dos Dalmau e os Pastor, verdadeiros creadores das sociedades históricas do Banco Pastor
.