 |
Excmo. Sr. D. Pedro Barrié de la Maza,
Conde de Fenosa
Naceu en A Coruña o 17 de decembro de
1888. Fillo de Pedro Barrié y Pastor e de Amalia de la Maza
y Agar. De ascendencia francesa e catalana por liña paterna
(os Barrié e os Pastor, respectivamente) e de clara raizame
galega por parte materna (os Maza e os Agar).
A súa traxectoria profesional, estreitamente
vinculada á historia do Banco Pastor, obriga a inicia-los
seus datos biográficos cunha breve referencia ós vínculos
empresariais da súa familia paterna. Cabe mencionar neste
sentido, ó seu tío-avó José Pastor y
Horta, único propietario da sociedade mercantil José
Pastor e Compañía, quen incorporou á
mesma ó seu sobriño, Pedro Barrié y Pastor
(pai do futuro Conde de Fenosa) nomeándolle ademais ó
seu falecemento como único e universal herdeiro, ó
cal sucedeu en 1877.
En 1889 a razón social José
Pastor y Cª troca o seu nome pola de Sobrinos de
José Pastor ante a incorporación á mesma
doutro membro da familia, Ricardo Rodríguez Pastor, despois
de que o seu curmán Pedro Barrié y Pastor cedéralle
unha pequena participación na empresa matriz. Todo iso sucedía
no ano seguinte ó nacemento do Conde de Fenosa.
Con estes antecedentes, Pedro Barrié de
la Maza estudia a carreira de Comercio na Escuela Superior de Comercio
de A Coruña, ó remate da cal amplía os seus
estudios económico-financeiros en Gran Bretaña, Alemaña
e Francia. Á súa volta comeza a traballar no negocio
bancario do seu pai e en 1915 é nomeado socio e xerente de
Sobriños de José Pastor, a carón
do seu pai e de Ricardo Rodríguez Pastor. Tralo falecemento
do seu pai en 1919, queda xunto con Ricardo Rodríguez Pastor
á fronte da mencionada sociedade.
En 1925 prodúcese unha escisión
en Sobrinos de José Pastor, a parte da consignataria
permanece baixo o mesmo nome, mentres que a da banca se constitúe
en sociedade anónima e pasa xa a denominarse Banco Pastor.
Pedro Barrié de la Maza, accionista maioritario da nova entidade,
cede a presidencia a Ricardo Rodríguez Pastor en deferencia
á súa meirande experiencia e idade e cumprindo deste
xeito o desexo que neste sentido transmitíralle o seu pai
e que el compartía plenamente. Pedro Barrié de la
Maza desempeñou os cargos de Vicepresidente e Director Xeral
ata 1939, ano en que falece Ricardo Rodríguez Pastor; a partir
de entón ocupará xa de xeito vitalicio a Presidencia
do Banco Pastor. A súa viúva, Carmela Arias y Díaz
de Rábago sucederalle no cargo dende o 14 de marzo de 1971,
data do seu falecemento, ata o 27 de setembro de 2001 cando, por
razóns de idade, deixa a presidencia executiva do Banco,
cargo no cal lle sucede José María Arias Mosquera.
É, dende entón, Presidenta de Honor do Banco Pastor.
Aparte do negocio bancario que herdou do seu
pai, Pedro Barrié creou e participou en innumerables empresas.
É importante destacar en 1943 a creación de Fuerzas
Eléctricas del Noroeste, S.A. (FENOSA), a súa
pertenza a un sector estratéxico como o da enerxía
supuxo un pilar básico e imprescindible para o futuro desenvolvemento
económico e industrial de Galicia; a súa participación
neste sector iníciase ó ser nomeado Conselleiro da
Sociedad Gallega de Electricidad, da que pasa a ser Presidente en
1937 ata a constitución de Fenosa, na que ocupará
a Presidencia ata o seu falecemento. No sector naval, de grande
importancia para Galicia, foi Presidente dende 1948 ata o seu falecemento
de Astilleros y Talleres del Noroeste, S.A. (ASTANO),
empresa fundada en 1941, que en realizacións supuxo un auténtico
fito na historia da construcción naval mundial.
A continuación relaciónanse outras
empresas presididas ou promovidas por Pedro Barrié de la
Maza que destacaron nos seus respectivos sectores: Aluminio de Galicia,
S.A., Compañía Española de Industrias Electroquímicas,
S.A. (CEDIE), Compañía Española de Propaganda,
Industria y Cinematografía, S.A. (CEPICSA), Compañía
Madrileña de Alumbrado y Calefacción por Gas, S.A.,
Gas Madrid, S.A., Compañía de Ferrocarriles Medina
del Campo a Zamora y de Ourense a Vigo, S.A., Coruñesa de
Pesca y Navegación, S.A., Elaborados Metálicos, S.A.
(EMESA), Fabricación de Envases Metálicos, S.A. (FEMSA),
Fabricaciones Eléctricas Navales y Artilleras, S.A. (FENYA),
Finisterre, S.A., Grafitos Elécricos del Noroeste, S.A. (GENOSA),
Hullas del Coto Cortés, S.A., Industrias Gallegas, S.A. (INGASA),
La Toja, S.A., Minero Siderúrgica de Ponferrada, S.A., Cubiertas
y Tejados, S.A., Parma, S.A., Pesquerías Españolas
del Bacalao, S.A. (PEBSA), Barras Eléctricas Galaico-Asturianas,
S.A.
Dende 1944 e ata o seu falecemento foi Presidente
da Xunta de Obras do Porto de A Coruña. Durante o seu mandato
e entre outras obras construíuse o Dique de Abrigo, de grande
importancia para o desenvolvemento portuario da cidade.
Foi Procurador en Cortes por designación
do Xefe do Estado durante tódalas lexislaturas. Conselleiro
do Banco de España e do Banco de Crédito Local, cargos
dos que tivo que cesar en 1968 en virtude da Lei de Incompatibilidades.
Foi membro tamén do Consello Superior Bancario.
O 1 de outubro de 1955 foille outorgado polo
Xefe do Estado o título de Conde de Fenosa, en recoñecemento
ós servicios prestados á nación e á
industrialización de Galicia, promocionando e desenvolvendo
a producción hidroeléctrica a través da sociedade
Forzas Eléctricas do Noroeste, S.A. da cal foi
creador e Presidente.
Pedro Barrié de la Maza quixo devolver
a Galicia a riqueza que a súa actividade empresarial lle
xenerara e o 5 de novembro de 1966, crea a Fundación mixta
benéfico-docente que leva o seu nome, da cal foi Patrono-Presidente
vitalicio. Dotouna cun capital inicial de 3.300 millóns de
pesetas e a declarou herdeira universal ó seu falecemento.
A Fundación, segundo recollen os seus estatutos, ten
por obxecto a satisfacción gratuíta de necesidades
intelectuais, morais e físicas e, dentro deste amplo enunciado,
promover, fomentar e soster a investigación, a ampliación
de estudios superiores, a concesión de auxilios económicos
para ensinanzas e carreiras, incluso a sacerdotal; sostemento e
auxilio de obras asistenciais docentes, sociais e de toda índole
para persoas economicamente necesitadas, con preferencia ás
establecidas na rexión galega.
A Fundación Pedro Barrié de la
Maza é a depositaria non só da súa herdanza
senón especialmente do seu legado espiritual. A través
dela, Pedro Barrié de la Maza quixo cumpri-lo seu proxecto
máis nobre e ambicioso, loitar polo progreso económico,
social e cultural de Galicia dende unha perspectiva global e facelo
para sempre, sen límite no tempo.
Na actualidade, a Fundación é polo
seu patrimonio e traxectoria unha das máis importantes de
Europa. Dende 1971 está presidida pola súa viúva,
Carmela Arias y Díaz de Rábago, Condesa de Fenosa.
Era posuidor de innumerables distincións
e condecoracións, entre outras: Gran Cruz de Isabel a Católica,
Gran Cruz do Mérito Naval, Gran Cruz de Beneficencia, Gran
Cruz do Mérito Civil, Gran Cruz da Orde de Malta, Medalla
de Ouro ó Mérito no Traballo, Medalla de Ouro da Previsión
Social, Medalla de Ouro de A Coruña, Medalla de Ouro da Cámara
de Comercio, Industria e Navegación de A Coruña, Medalla
de Ouro da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación
de Vigo e Presidente de Honor da mesma, Medalla de Ouro da Diputación
Provincial de A Coruña e Medalla de Honor do Porto de A Coruña
(estas dúas últimas concedidas a título póstumo),
Medalla de Bronce do Instituto Nacional de Industria, Medalla de
Prata da vila de O Carballiño. Era Fillo Predilecto de A
Coruña, Fillo Adoptivo de Ferrol, Fillo Adoptivo de Corcubión,
Fillo Adoptivo Predilecto do Barco de Valdeorras, Fillo Adoptivo
de Sada, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago
de Compostela, Presidente de Honor da Asociación de Prensa
de A Coruña, Membro de Honor do Instituto José Cornide
de Estudios Coruñeses, Académico de Honor da Real
Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario
de A Coruña, Socio de Honor e Protector da Asociación
de Sobreviventes das campañas de Cuba, Porto Rico e Filipinas,
e outros moitos títulos e honores.
|
 |
 |